A saida produciuse as 8.2o horas da mañanciña do sábado (tocou madrugar) e chegamos a Aranda de Duero as 14.00 horas, alí agardábanos Nuria (unha simpática rapaza que nos conseguiu o contacto para poder ver as bodegas de Prado de Olmedo). Con Nuria e duas persoas máis dirixímonos a Quintana del Pidio (a uns 20 kilómetros de Aranda) a ver as citadas bodegas . Logo da visita comimos no Asador José María (sen lugar a dúbidas que volo recomendo), tras o repouso da comida, rexistro no hotel Julia (recomendado tamén pola miña parte, está no centro, a uns escasos 100 metros do Asador José María e a relación calidade precio é sobresainte). Pasado o rexistro de habitacións houbo tempo libre para que cada un disfrutase do lugar a súa maneira, catando os seus prezados viños, ceando, paseando pola zona antiga, de copas...). A xente coa que tiven o privilexio de compartir a tarde-noite do sábado e a súa madrugada (Cardesín, Marisa, Gonzalo, Ana, María José, Mingos e Alberto) poden dar fé de que as risas foron continuadas e pasámolo en grande, foron moitas as anécdotas e as batallas, imposible poñelas todas neste simple post; pois todas as frases que eu poida escribir e contar quedaríanse curtas para explicar a magnitude de tan divertida noite (de vez en cando vótase de menos o video para recordar momentos puntuais). Xa na mañá do domingo tocou desaiuno no hotel, logo levamos as equipaxes o bus, as 12 visita o "Centro de Interpretación da Arquitectura do Viño" na Oficina de Turismo de Aranda e posterior visita a unhas bodegas históricas subterraneas, neste caso a bodega a visitar foi "La Navarra" rematado o percorrido subterraneo tivemos hora e media libre para "alternar" por Aranda (por certo moi bo ambiente) e as 14.30 comida de novo no Asador José María que nos preparou outro sabroso manxar. Logo do café mercamos os décimos de Nadal de rigor, (se toca facemos rico a medio Sobrado pois uns 60 décimos do mesmo número viñeron para aquí) e emprendimos viaxe as 16.30 rumbo á casiña con caras de cansanzo e felicidade a partes iguais. Houbo a mítica parada no "Valcarcel" onde algúns aproveitamos para cear un tremendo bocata e de novo ruta ata chegar a Sobrado as 23.00 horas escoitando un apaixoante partido de segunda división Betis-Celta..., por certo, vaia tempada a dos vigueses...
Dende eiquí quero agradecer a todos a participación nesta viaxe que xa forma parte da miña historia persoal polo magnífico ambiente vivido e porque todo o mundo se portou de cine. Grazas!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario