xoves, 3 de abril de 2014

"Nate" Davis, o heroe de Ferrol



Hai uns meses chorei por primeira vez nos meus 35 anos de vida por "algo" que vexo na televisión. E ese "algo" foi o Informe Robinson adicado a "Nate" Davis, o ex-xogador do OAR Ferrol entre outros equipos da Liga Española de Baloncesto. Supoño que sería unha mistura de varias cousas: moitos recordos da miña infancia onde se me veu a cabeza o moito que adoraba o basket; aquel superequipo con Anicet Lavodrama, Manolito Aller, Miguel Loureiro ou o protagonista do programa; e a propia historia en sí que ten connotacións tristes pero tamén alegres.

Nathaniel "Nate" Davis 1,94m e 85 kg, naceu en Columbia, Carolina do Sur, nos Estados Unidos de América, a gran maior parte da súa carreira baloncestística desenrolouna en España. Chegou en 1979 ó Askatuak Egin, a tempada seguinte ficha polo Miñón Valladolid onde estaría 3 tempadas. No ano 1982 chega a Galicia, sería para xogar no Obradoiro pero fixo unha discreta tempada e non convenceu. Na tempada 1983/1984, coincidindo co nacemento da Liga ACB chega a Ferrol para xogar no OAR. Serían 3 tempadas incribles ata que unha desgracia fixo que todo rematara...

Desaparecido durante moitos anos e apartado do mundanal ruido (polo menos a nivel de prensa e comunicación) Informe Robinson (por certo vaia pedazo de programa) foino buscar os Estados Unidos.

Se tedes 50 minutiños e non vistes este capítulo sobre o "eterno 12" recoméndovos que non volo perdades. Nate Davis estará ligado por sempre á cidade de Ferrol onde é un auténtico mito vivinte. Moitos rapaces que xamáis o viron xogar na súa vida saben quen foi Nate Davis.

MOI RECOMENDABLE!

Ningún comentario: